10/7/08

O mar dos mariñeiros

“Oes, fálame do mar, ho

-Como andamos hoxe?

-Feito unha porquería. Este tratamento déixame desfeito. O meu mal vese que non ten cura. Xa llo vexo na cara da miña muller cando ven verme. Como vas ti?

-Non sei. Supoño que vou tirando. Así que ti eras mariñeiro.

-Era. Son. Non son outra cousa, xa non podo ser outra cousa. A miña vida foi andar no mar.

-Oes, fálame do mar, ho.

-Que che fale. E que che hei falar…O mar…éche moi grande.

-Home, iso ben cho sei.

-E porque o sabes?

-Pois porque teño visto algún mapa do mundo. E téñoo visto na televisión.

-Que has saber. O mar éche moi grande. Máis grande que o mundo.

-Home, que o mundo…

-Pois é. Porque o mundo acábase, non acaba? Ti dalo andado. En auto ou en avión ou en tren, ti dalo andado, non dás?

-Home, si. E, se imos ao cas, o mar tamén.

-O mar non. O mar non ten límites. Ti vícheslle algunha vez límite ao mar?

-…

-Non ten, non ten límite. E non penses que é todo igual, porque é todo distinto, agora é así e o barco segue para adiante e logo o mar é doutra maneira, agora é liso e logo non, agora é manso e logo non. E onde era azul mañá é verde, e onde o mar facía ovelliñas coa espuma agora está chan. Nunca é igual, sempre cambia, sempre é o mesmo e sempre é diferente.

-Visto así…

-Non hai nada que ver, o mar non se deixa ver. Nunca ves como é, nada máis está aí. E non lle importa se ti vas a el ou non, se ti pasas por el ou non. Eu andei por todos os mares e o mar non me lembra, non sabe que existo sequera. Ai, este mal róeme as tripas.

-Chamo aos enfermeiros, doulle ao timbre?

-Non, non, deixa. Déixame. Non me fagas falar…

-En que pensas?

-En nada. No mar. Cando eu morra ha seguir alí. Aquí estou lonxe.” (Suso de Toro: “Oes, fálame do mar, ho”. Vieiros)

No hay comentarios :