6/10/09

"Erofanías"... de Yolanda Castaño



"A editorial Espiral Maior vén de reeditar os libros que puxeron o nome de Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) no centro do panorama literario entre 1995 e 1998. Contra o erotismo a un tempo lúdico e animal de Elevar as pálpebras, Delicia e Vivimos no ciclo das Erofanías revólvese agora a poeta. Por palabra - "non quero intepretar o retrato grotesco de min mesma"- e por obra: Profundidade de campo, a piques de aparecer en castelán da man de Visor, axustou contas coa imaxe emanada da escritora de Erofanía.

Pregunta. Por que escolleu o título Erofanía para reeditar os seus tres primeiros libros?

Resposta. Recolle certa idea dos tres. Foi unha palabra creada en laboratorio, un neoloxismo feito na casa, que fala de manifestacións do eros. Tamén leva esa idea de deconstrución, de certo nudismo coa linguaxe, de invención.

P. Aquela triloxía impactou e derrubou certos tabús. Tiña un programa poético?

R. Son libros escritos entre os 17 e os 19 anos e hai que contextualizalos. Están vencellados a aquela etapa vital. Logo todo se me ralentizou moitísimo. A miña idea consistía en darlle voz ao desexo cunha orientación de xénero, darlle voz ao corpo. E, ao tempo, empregar o erotismo como campo aboado para experimentos lingüísticos. E o amor fala da vida, do mundo, da escrita... e da relación co ti, sexa quen sexa. Pero non fun a única en explorar ese ámbito.

P. Inscribíase conscientemente nunha tradición literaria?

R. Aparte da poesía latinoamericana feita por mulleres nos 80, de Gioconda Belli a Ana Istarú ou Wendy Guerra, tamén era consciente de Xohana Torres, de Luz Pozo ou de Luísa Castro. Pilar Pallarés, María Xosé Queizán, unha autora que había que abordar coa túa criba persoal, e dende logo Xela Arias.

P. Detectaba carencias naquela paisaxe poética dos 90?

R. Non foi tan prográmatico, senón que respondía a un impulso estritamente persoal. Talvez por iso cambiou, evolucionou e ao mellor se apagou co tempo.

P. Erofanía remata co verso "o discurso fracasado" e dá paso a un silencio de cinco anos. O libro da egoísta (2003) cuestiona a súa obra anterior.

R. Aqueles tres libros [o último data de 1998] pechábanse con tres poéticas nas que aparece un pequeno desencanto coa linguaxe, certa frustración. A linguaxe non nolo pon nunca fácil. A idea é seguir buscando. Se me quedase no ciclo de Erofanía estaría morta. Non se debe confundir o discurso da poética co discurso poético, atopar a túa propia fórmula e sentar nela. Fuxín dese risco pechando o chiringuito un tempo. Non quería intepretar a caricatura de min mesma.

P. Pero a poeta Yolanda Castaño segue encadrada como autora erótica.

R. Malia a que hai once anos que publiquei Vivimos no ciclo das Erofanías [a obra final das recollidas en Erofanía], é certo que unha parte do público lector me encadra aí. Non sei se porque foi a primeira ou porque chamou a atención. E a miúdo tapa o meu traballo posterior.

P. Amais de silencio editorial, houbo silencio na escrita?

R. Si, totalmente. Collín outro ritmo, o da vida adulta ou o de se facer maior. Agora son moi lenta producindo e non quero forzar nada: cando sae, sae, e cando non, tenme como un cadeliño á porta agardando." (El País, ed. Galicia, Galicia, 02/10/2009, p. 8. Foto: Gabriel Tizón)

No hay comentarios :